METODOLOXÍA
Dende un primeiro momento sempre partimos da demanda, ben dende o centro (titores ou membros do equipo docente), ou ben dende a familia. Comunicado o caso á responsable da etapa correspondente, a persoa que efectúa a demanda debe cubrir por escrito un protocolo no que se recolle a información precisa para o inicio da valoración directa do alumno ou alumna.
Unha vez finalizado o proceso de avaliación inicial, realízase unha reunión coa familia e o titor ou titora para establecer as pautas de actuación e orientacións convenientes, intentando a maior coordinación posible entre a escola e a casa.
No mes de setembro, ao inicio de cada ano escolar, o Departamento de Orientación está presente na reunión que ten cada curso coas familias para presentarse e mostrar a súa disposición. Tamén organiza os horarios de apoio, e organiza cos titores e titoras as horas de atención ao alumnado para Audición e linguaxe e Pedagoxía terapéutica. Dende o Departamento procúrase que os grupos sexan o máis reducidos posible para poder ofrecer un ensino eficaz.
Os especialistas de PT e AL teñen como finalidade recuperar e procurar a integración dos alumnos e alumnas no seu curso. O psicólogo, a de orientar e axudar, tanto os alumnos como as súas familias, no caso de problemas actitudinais ou de aprendizaxe e de rendemento escolar a través de técnicas de estudo ou para orientar o futuro académico unha vez que rematan os seus estudos no noso centro.
Durante o curso, estamos semanalmente en contacto directo cos titores e/ou co resto de profesores, e están establecidas reunións trimestrais coa totalidade dos membros do claustro para seguir o desenvolvemento de cada alumno ou alumna e facer as modificacións necesarias.