Novo curso 2020/2021

Queridas familias,

Tal e como acaba de publicar a Consellería de educación, aprázase o inicio de curso para o alumnado de secundaria. Os cursos de 1º e 2º de ESO comezarán o día 23. 3º de ESO o 24 e 4º de ESO o 25. Este mes o horario será de 9.30 a 14.30 e entrarán e sairán pola entrada de dirección. Rogamos puntualidade, o alumnado pode acceder ás aulas dende as 9.20 onde xa estarán os seus titores. Queriamos lembrar a importancia de realizar a avaliación dos síntomas a diario, é importante o compromiso de todos e apelamos á responsabilidade para evitar posibles contaxios. Como establece o protocolo, mal que nos pese, é importante que os nenos non compartan material, merenda, etc., polo que este curso, de forma excepcional, non poderán traer de casa nada para compartir nin repartir. Para calquera dúbida estamos á vosa disposición.

Un saúdo

Estimadas familias,

Ante todo queriámosvos dar a benvida a este novo ano académico no que, máis que nunca, precisaremos da vosa colaboración para afrontar unidos e con éxito os diferentes escenarios que se poidan dar ante a situación sanitaria actual e coa que deberemos aprender a convivir ao longo deste novo curso que comezamos coa mesma ilusión ca sempre.

 Tal e como publicou a Consellería de Educación nas últimas instrucións do 1 de setembro, a incorporación do alumnado será de forma gradual. Estas son as datas de inicio:

  • 10 setembro – 4º e 5º de E. Infantil (3 e 4 anos) e 1º, 2º, 3º de E. Primaria.
  • 11 setembro – 6º E. Infantil (5 anos) e 4º, 5º e 6º de E. Primaria.
  • 16 setembro – 1º e 2º ESO.
  • 17 setembro – 3º ESO.
  • 18 setembro – 4º ESO.

O curso comezará de forma presencial para todos os niveis e etapas do sistema educativo, así mesmo, o centro educativo manterase aberto durante todo o curso escolar sempre e cando a situación epidemiolóxica o permita, en base ás indicacións das autoridades sanitarias. Seguro que a experiencia adquirida o curso pasado será de grande axuda e nos permitirá afrontar os distintos escenarios que se poidan presentar.

A continuación presentámosvos algunhas cuestións primordiais para conseguir facer do centro un contorno escolar seguro mediante o establecemento de medidas preventivas, individuais e colectivas. Están realizadas ao abeiro das instrucións do “Protocolo de adaptación ao contexto COVID-19 para o curso 2020-2021”, publicado pola Xunta de Galicia e adaptadas ás características do noso centro. Estas medidas poden ser obxecto de revisión en función da evolución do risco sanitario e as decisións que adopten as autoridades educativas e sanitarias competentes. A finalidade destas medidas  é sempre protexer o alumnado e as súas familias, así como minimizar os riscos de contaxio.

 

Medidas de protección individual

Os primeiros días de curso o profesorado traballará co alumnado as pautas e normas que se seguirán para facilitar a adquisición de habilidades sobre as medidas de prevención e hixiene, o noso obxectivo é fomentar o interese polo coidado e protección dun mesmo e dos demais.

  • Deberase manter a distancia de seguridade de 1,5 m sempre que sexa posible e seguir as indicacións do profesorado para ocupar as aulas.
  • É importante evitar tocar ollos, nariz e boca. Prestando especial atención á hixiene de mans.
  • Os alumnos deberán facer uso do xel hidroalcohólico. En cada aula e espazos comúns haberá dispensadores desta solución, así como desinfectante de superficies.
  • Nos aseos haberá xabón e panos desbotables. Haberá papeleiras con tapa e pedal para desfacerse dos residuos de forma segura.
  • Todo o alumnado a partir de 1º de Primaria deberá vir con máscara e permanecer con ela durante toda a xornada lectiva, en todos os espazos do centro, aínda que se cumpra a distancia de seguridade. Será obrigatorio levar unha segunda máscara de recambio, así como un estoxo específico para gardala en caso necesario.
  • Para o alumnado de Educación Infantil o uso de máscara non é obrigatorio pero si será  aconsellable nos momentos de desprazamento polo centro, así como durante as entradas e saídas.
  • O alumnado non poderá compartir material propio con ningún dos seus compañeiros.

Este curso insistimos especialmente na necesidade de levar a cabo unha correcta hixiene persoal relativa ao vestiario, calzado e aseo persoal.

 

Medidas de protección colectiva

  • Debemos limitar na medida do posible o acceso ás instalacións do centro. Nas entradas de atención ao público haberá produtos que permitan unha adecuada hixiene de mans. Só se poderá acceder ao recinto escolar con máscara e mantendo as distancias de seguridade correspondentes.
  • Este curso 2020/2021 para calquera consulta, entrevista, solicitude de documentación, notificacións etc., dirixidas a Dirección, Secretaría ou Xefatura de estudos deberá solicitarse sempre cita previa. (Solicitar por email ou telefonicamente).
  • Debido ao necesario cumprimento das normas de prevención, as celebracións este ano serán limitadas, xa que debemos respectar estritamente as medidas de distanciamento e aforo.

 

Principios sanitarios básicos

  • No colexio existe un “Equipo COVID”, composto pola directora e dous profesores, que será referencia para o resto do profesorado, alumnado e familias.
  • Para comunicacións da comunidade educativa co equipo COVID, habilitarase o correo (cpr.hermanos.quiroga@edu.xunta.es) e o teléfono (986330689).
  • O colexio ten asignado o Centro de Saúde do Porriño como centro de referencia, así como un doutor que estará en contacto co Equipo COVID para resolver calquera incidencia no centro.
  • Tanto o persoal do centro coma o alumnado, deberá realizar unha auto avaliación diaria de síntomas compatibles coa COVID-19 antes de asistir ao colexio. Rogamos que sexades rigorosos no control dos síntomas. En caso de detectarse en casa síntomas compatibles coa infección por COVID-19, o alumnado non acudirá ao colexio e a familia contactará de forma inmediata co seu centro de saúde. O resultado deberá comunicarse ao Equipo COVID do centro.
  • Ante a detección de síntomas compatibles coa infección durante a estancia no colexio, contactarase coa familia, que deberá presentarse no centro á maior brevidade posible. A familia deberá solicitar consulta co seu pediatra, quen valorará a solicitude dun test diagnóstico. O resultado debe comunicarse ao Equipo COVID.
  • Se algunha persoa dentro do núcleo familiar dos alumnos é sospeitosa de padecer COVID 19, o alumno non poderá asistir ao centro ata que se coñeza o resultado da proba e este sexa negativo. A familia debe comunicar o resultado ao Equipo COVID.
  • No colexio contamos cun espazo de uso exclusivo debidamente equipado para illar as persoas con síntomas de forma segura. O espazo de illamento COVID será o Gabinete médico, situado na planta baixa do Edificio principal. Dentro deste gabinete hai padiola, caixa de urxencias, termómetro, máscaras, xel hidroalcohólico e papeleira con tapa e bolsa. A sala ten unha ampla ventá polo que estará sempre ventilada. O  alumno/a que teña que permanecer illado neste espazo sempre estará acompañado dun adulto.
  • As faltas de asistencia derivadas destas medidas consideraranse xustificadas.

Medidas de hixiene e limpeza

  • Todos os produtos de limpeza e desinfectantes utilizados no centro foron autorizados e rexistrados polo Ministerio de Sanidade e posúen o correspondente certificado.
  • Reforzarase a limpeza diaria coa desinfección das superficies de contacto máis frecuentes, tanto nas aulas coma nos espazos comúns.
  • Levarase a cabo unha limpeza dos aseos 3 veces ao día.
  • Deberá realizarse una ventilación frecuente das aulas. Ventilarase polo menos 15 minutos tras cada sesión e, sempre que sexa posible, as portas e ventás permanecerán abertas o maior tempo posible.

 

Medidas organizativas

  • Para o correcto funcionamento do centro establecemos uns cambios para favorecer unha maior fluidez e evitar aglomeracións. En beneficio de todos, rogamos, máis ca nunca, puntualidade, axilidade e respecto polas indicacións tanto nas entradas como nas saídas.
  • A porta da carballeira permanecerá pechada para as entradas e saídas, tanto para poder establecer un circuíto de circulación seguro como para evitar aglomeracións de grupos de persoas.
  • Para as entradas as portas do centro permanecerán abertas a partir das 9:20 e das 15:20 horas, o profesorado xa estará nas aulas para que o alumnado vaia accedendo por orde de chegada pouco a pouco . En ningún momento se poderán facer filas ou grupos, haberá que dirixirse ás aulas mantendo as distancias de seguridade e as medidas de hixiene oportunas.
  • Tan só os familiares do alumnado de Infantil, 1º e 2º de Primaria, e alumnado con NEE (Necesidades Educativas Especiais) poderán acceder ás pistas inferiores para acompañar aos nenos/as ás súas respectivas entradas ás clases. En ningún momento poderán ocupar a terraza que dá acceso ás aulas, esta deberá manterse libre para a correcta circulación do alumnado. Só poderá acceder un acompañante por alumno e a despedida debe ser rápida e cumprindo sempre os circuítos establecidos. En ningún momento se poderá permanecer dentro do recinto unha vez que o alumnado acceda á aula.
  • Os familiares acompañantes do resto dos cursos non poderán acceder ás pistas inferiores, deberán permanecer na zona marcada para peóns na pista superior e controlar dende alí como os nenos acceden ao centro, unha vez que o fagan, deberán abandonar o recinto para evitar aglomeracións dentro da pista. Como xa dixemos, o alumnado deberá dirixirse directamente ás súas aulas sen facer grupos nin filas no patio, e mantendo sempre as distancias de seguridade.
  • En ningún momento as familias poderán permanecer dentro do recinto escolar.
  • Para a circulación polo colexio haberá carteis informativos nas entradas, escaleiras e corredores, destinados a lembrar a necesidade de manter sempre a distancia de seguridade e cumprir coas medidas de hixiene oportunas. Nos corredores hai establecidos sentidos de circulación, sinalizados mediante indicadores visuais no chan así como carteis verticais.
  • As entradas e saídas aos recreos serán escalonadas para evitar que coincida un número elevado de alumnos nun mesmo espazo. Haberá zonas específicas asignadas para cada curso.
  • A área de xogo infantil permanecerá precintada, así coma as fontes, polo que é recomendable que o alumnado traia unha botella de auga de casa marcada co seu nome.
  • As familias de E. Infantil, 1º e 2º de Primaria, poderán concertar unha cita para traer o material uns días antes do inicio do curso. A partir de 3º de Primaria o alumnado deberá traelo pouco a pouco ao longo dos primeiros días. Só haberá que traer ao centro o material correspondente ao primeiro trimestre.
  • Todo o alumnado a partir de 5º de Primaria (incluído), deberá levar o material a diario para a casa, nas aulas non deberá quedar nada para levar a cabo unha correcta limpeza e desinfección.
  • Para as saídas establécese un horario para facilitar o desaloxo do centro e evitar aglomeracións. Xa que a partir de 3º de Primaria os pais non poden acceder ás pistas inferiores, agradecemos que se dispoñan na pista superior ou na zona de gradas á vista, mantendo sempre as distancias de seguridade, para que o profesorado poida entregar aos nenos con total garantía. Se algunha familia non pode cumprir este horario agradecemos que llelo comuniquen ás/ós titoras/es correspondentes ou que chamen directamente ao centro para facilitar a organización e buscar así unha solución axeitada.

 

 

CURSO

HORA DE SAÍDA SETEMBRO-XUÑO

HORA DE SAÍDA

OUTUBRO-MAIO

 

LUGAR

EDUCACIÓN INFANTIL

14.15

12.45 – 17.45

Por pista

1º E 2º PRIMARIA

14.20

12.50 – 17.50

Por pista

5º e 6º PRIMARIA

14.25

12.55 – 17.55

Por pista

3º e 4º PRIMARIA

14.30

13.00 – 18.00

Por pista

ESO

14.30

13.00 – 18.00

Por dirección

Unha vez máis, agradecémosvos a vosa confianza e colaboración. Queremos reiterar a necesidade de implicación por parte de todos para favorecer o bo desenvolvemento do curso académico e poder gozar todos e todas das máximas garantías. Seguro que unidos, con serenidade e paciencia, afrontaremos esta nova etapa con éxito. Esperámosvos cargados de ilusión e enerxías renovadas.

Un afectuoso saúdo,

A dirección.

Atópanos na rúa Antonio Palacios
Teléfono 986 33 06 89